lunes, 6 de febrero de 2017

Un universo de emocións

Trescentas sete. Ese é, segundo explicou Rosa o pasado venres día 3 no noso parladoiro do mes de febreiro, o número de emocións distintas que o ser humano é capaz de diferenciar. Unha xestión axeitada das mesmas permite acadar unha mellor realización persoal e, ademais, é coadxuvante no camiño do éxito persoal e profesional.

 Nunha xuntanza intensa, cunha sala abarrotada e participativa, Rosa Encinas, presentada donosamente por David Faro, pilotou unha viaxe á galaxia dos sentimentos seguindo a autores como Gardner, Goleman ou Bisquerra. Dese modo, logrou ofrecer con elegante concisión unha visión xeral dos últimos avances no campo da aprendizaxe emocional. Salientou a relatora que esa é unha tarefa que nunca debe ser considerada illada ou puntualmente, senón coma un proceso continuado que se desenvolve en paralelo á propia existencia.

As diversas facetas da intelixencia, a necesidade de momentos de reflexión ou os camiños cara unha actitude positiva foron outros fitos destacábeis da charla.



Tras a exposición e algúns valiosos consellos bibliográficos, xerouse un debate vibrante no que se intercambiaron puntos de vista, especialmente relacionados coas estratexias máis adecuadas para cativos e adolescentes. A dinamizadora propuxo diversas medidas e técnicas extraídas da súa práctica docente.




Ante ese océano tan inmenso, Rosa ofreceu unha excelente clase de natación; agora é tempo de saltar á auga e prácticar de forma autónoma. ¿Mollámonos? 


















 

No hay comentarios :

Publicar un comentario