jueves, 7 de enero de 2016

Asóciate á paixón pola lectura



A Asociación de Amigos das Bibliotecas Municipais de Redondela está de volta! Porque, si, demos unha volta completa ao calendario e... celebramos o noso primeiro aniversario! Un ano no que puxemos toda a nosa ilusión e enerxía en desenvolver unha serie de actividades en prol da dinamización cultural de Redondela e a súa contorna. En colaboración coas bibliotecas municipais e os seus Clubs de Lectura programáronse coloquios, obradoiros e visitas sobre diversas materias -escritura creativa, filosofía, literatura, astronomía...- co obxectivo de suscitar o debate e o pensamento crítico dos nosos socios e amigos, sen perder nunca de vista os libros, pois a lectura agocha xanelas que permiten mirar mellor o cambiante mundo actual. 



Queremos, polo tanto, aproveitar este primeiro aniversario para agradecer a todos os nosos colaboradores e socios a súa confianza e apoio, e tamén para animar a todos os interesados a que se unan ao proxecto para poder ser, así, inda máis Amigos.

Se desexas sumarte ao noso proxecto, cubre a ficha de inscrición e abona os 12€ correspondentes a cota anual na conta de ABANCA ES23 2080 5209 4330 0007 0678 (indicando no abono o teu nome e apelidos). A continuación deixa a ficha, xunto co xustificante de pago, na Biblioteca Municipal "Valle-Inclán" de Redondela ou na Axencia Municipal de Lectura de Chapela. Tamén podedes aproveitar a vosa asistencia a calquera das actividades por nós programadas ou ás sesións dos clubs de lectura para pagar en efectivo.

E, por suposto, FELIZ ANO!


 


lunes, 4 de enero de 2016

Tirando a dar!! De caza con Juanito Osuna

Todos ás armas! A Asociación de Amigos das Bibliotecas de Redondela ten o pracer de convidarvos a todos a súa próxima actividade. Iñaki de Miguel, veterinario e cazador, proporanos o día 15 de xaneiro ás 20:30 horas na Casa da Cultura de Redondela un emocionante debate sobre a caza: ¿é unha práctica ecolóxica ou unha crueldade?, ¿pode considerarse un deporte?, ¿achéganos á natureza ou afástanos dela? Para encontrar respostas a todas esas controvertidas cuestións, revisaremos a relación entre caza e literatura segundo Miguel Delibes, baseándonos especialmente no seu conto “El amor propio de Juanito Osuna”. Un programa completo de caza maior!

jueves, 29 de octubre de 2015

Ás voltas coas palabras



     A escribir!!! É o que hoxe vos propomos desde a Asociación de Amigos das Bibliotecas Municipais de Redondela, coa guía maxistral de Miguel Ángel Alonso Diz. Este escritor e tradutor ofreceranos un obradoiro de escritura creativa, no que tamén coñeceremos os diferentes aspectos do mundo da edición. 

     Aquí o mestre en acción:



     A data da actividade é o mércores 2 de decembro, no Multiúsos do Piñeiral do Crego (Chapela).

     Atención amigos!! Lamentabelmente as prazas son limitadas, polo que é importante reservar. Podedes facelo nas instalacións  da B.P.M. “Valle-Inclán” de Redondela, da Axencia Municipal de Lectura de Chapela ou no correo da asociación amigosbibliotecasredondela@gmail.com.


domingo, 6 de septiembre de 2015

domingo, 16 de agosto de 2015

Funestos recordos. Borges e os espellos da memoria.

  Con renovados folgos, a Asociación de Amigos das Bibliotecas Municipais de Redondela encara un novo “curso” e o estrea propóndovos un parladoiro --o venres 4 de setembro, ás 20:30 horas, no primeiro andar da Casa da Cultura-- en torno a un relato do universal escritor arxentino Jorge Luis Borges: Funes el memorioso.

 
  Atar unha corda ao dedo, debuxar un xe no anverso da man, cambiar de pulso o reloxo... 
Hai mil trucos caseiros para auxiliar á memoria pero, e se esta fora infalíbel e constante? 

  O inimitábel Jorge Luis Borges lévanos ao bordo mesmo do real cunha historia inquietante, Funes el memorioso. 

  Guiados pola pericia do filósofo Roberto Lago Fernández, iremos debullando este maxistral relato para internarnos así en todas as súas poliédricas posibilidades e recunchos, na busca das preguntas esenciais.

  Unha cita ineludíbel coa memoria, o tempo e os sentidos. Que ninguén se esqueza!

  ______________________________________________________________________


Funestos recordos. Borges e os espellos da memoria.
Con Roberto Lago Fernández
Casa da Cultura, Redondela. 20:30 h. - 4 de setembro, 2015

 _______________________________________________________________________