jueves, 7 de enero de 2016

Asóciate á paixón pola lectura



A Asociación de Amigos das Bibliotecas Municipais de Redondela está de volta! Porque, si, demos unha volta completa ao calendario e... celebramos o noso primeiro aniversario! Un ano no que puxemos toda a nosa ilusión e enerxía en desenvolver unha serie de actividades en prol da dinamización cultural de Redondela e a súa contorna. En colaboración coas bibliotecas municipais e os seus Clubs de Lectura programáronse coloquios, obradoiros e visitas sobre diversas materias -escritura creativa, filosofía, literatura, astronomía...- co obxectivo de suscitar o debate e o pensamento crítico dos nosos socios e amigos, sen perder nunca de vista os libros, pois a lectura agocha xanelas que permiten mirar mellor o cambiante mundo actual. 



Queremos, polo tanto, aproveitar este primeiro aniversario para agradecer a todos os nosos colaboradores e socios a súa confianza e apoio, e tamén para animar a todos os interesados a que se unan ao proxecto para poder ser, así, inda máis Amigos.

Se desexas sumarte ao noso proxecto, cubre a ficha de inscrición e abona os 12€ correspondentes a cota anual na conta de ABANCA ES23 2080 5209 4330 0007 0678 (indicando no abono o teu nome e apelidos). A continuación deixa a ficha, xunto co xustificante de pago, na Biblioteca Municipal "Valle-Inclán" de Redondela ou na Axencia Municipal de Lectura de Chapela. Tamén podedes aproveitar a vosa asistencia a calquera das actividades por nós programadas ou ás sesións dos clubs de lectura para pagar en efectivo.

E, por suposto, FELIZ ANO!


 


No hay comentarios :

Publicar un comentario