sábado, 23 de abril de 2016

Celebración do Día do Libro

Esta tarde as nosas compañeiras da asociación Rosa e Carmen María participaron no acto que co gallo da celebración do Día do Libro a Concellería de Cultura de Redondela desenvolveu na Praza da Constitución. 

Admirádevos do preciosas que estaban



Tras unhas breves palabras do concelleiro, Javier Alonso, ambas leron dous pequenos textos: Rosa o Soneto 116 de William Shakespeare e Carmen María a Carta de Don Quijote a Dulcinea de Miguel de Cervantes.



Non estaría mal facer unha enquisa para dilucidar
cal das dúas opcións é a máis romántica ;)

De seguido, procedeuse a destapar un cubo didáctico con información moi interesante relativa a propia conmemoración do Día do Libro e ás figuras de Cervantes e Shakespeare.



E como peche do acto, unha sentida interpretación da peza Negra sombra –Xoán Montés Capón (Lugo 1840-1899) uniu ao poema de Rosalía de Castro un alalá recollido na Cruz do Incio– por parte dunha saxofonista da Banda de Música de Chapela.



Máis fotos no álbum do Facebook


sábado, 5 de marzo de 2016

Cabo Verde en Galicia

     Na tardiña de onte vivimos unha apaixonante viaxe a Cabo Verde sen abandonar as perladas cadeiras da sala de exposicións do Multiúsos do Piñeiral do Crego. Así de grande foi a enerxía e entusiasmo coa que a relatora da terceira entrega desta rolda dos coloquios trimestrais que promove a Asociación de Amigos das Bibliotecas Municipais de Redondela, María José Villar,  nos falou da súa estadía, dentro do programa Vacacións con traballo do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, naquelas afastadas terras.




Moitísimas grazas, María José.

viernes, 12 de febrero de 2016

Illas e libros. Experiencias de cooperación en Cabo Verde


3333 quilómetros separan a illa de Santiago, en Cabo Verde, de Chapela. 3333 quilómetros unidos pola solidariedade.

A Asociación de Amigos das Bibliotecas Municipais de Redondela ten o pracer de anunciar un novo encontro. Desta volta, será María José Villar, a bibliotecaria da Axencia Municipal de Lectura de Chapela, quen dirixa un parladoiro que nos levará cara ao arquipélago caboverdiano; paraxe á que viaxou este verán no marco do programa Vacacións con Traballo do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade para colaborar cos bibliotecarios locais.


A cita será o venres 4 de marzo, ás 20:30 horas,  no Edificio Multiúsos de Chapela. María José relatará as súas intensas experiencias no país lusófono e, como aperitivo do encontro e para entrar en ambiente, proponnos a lectura dun fragmento da obra do escritor máis recoñecidos daquelas terras, Germano Almeida.


Podedes solicitar o arquivo pdf da lectura de referencia no correo electrónico da asociación –amigosbibliotecasmunicipaisredondela@gmail.com– ou recollelo, nuns días, en calquera das bibliotecas municipais.

domingo, 17 de enero de 2016

Cazando ideas

Para celebrar o seu primeiro aniversario, a Asociación de Amigos das Bibliotecas Municipais de Redondela decidiu irse, virtualmente, de caza; coa inestimábel axuda de Iñaki de Miguel, o noso guía de expedición  que, con preciso tino, levantou a lebre e soubo conducirnos entre lenes outeiros na procura desa grande peza de caza maior que é un bo faladoiro. Os diversos aspectos da práctica cinexética, a súa regulamentación e a súa ética, mesturáronse coas andanzas de Miguel Delibes, respaldo libresco da xornada, compondo un debate vivo, polémico e enriquecedor.







Moitísimas grazas, Iñaki! E moitísimas grazas tamén a todos os asistentes. Con propostas como esta... como non imos ir tirando?




Presentación de Miguel Delibes que para a ocasión preparou Jerónimo Pomares.