domingo, 12 de noviembre de 2017

Irmandiños: verdade e mito

A Asociación de Amigos das Bibliotecas Municipais de Redondela, en colaboración co Concello e as devanditas bibliotecas, organiza unha charla-coloquio arredor das revoltas irmandiñas: Irmandiños: verdade e mito. O profesor Mario López Vittori achegaranos ás causas, desenvolvemento e fracaso deste levantamento social; así como ás súas consecuencias no devir da historia de Galiza. Será o vindeiro venres, 17 de novembro, ás 20:30 horas na aula 6 do Multiúsos do Piñeiral do Crego, en Chapela.

lunes, 6 de febrero de 2017

Un universo de emocións

Trescentas sete. Ese é, segundo explicou Rosa o pasado venres día 3 no noso parladoiro do mes de febreiro, o número de emocións distintas que o ser humano é capaz de diferenciar. Unha xestión axeitada das mesmas permite acadar unha mellor realización persoal e, ademais, é coadxuvante no camiño do éxito persoal e profesional.

 Nunha xuntanza intensa, cunha sala abarrotada e participativa, Rosa Encinas, presentada donosamente por David Faro, pilotou unha viaxe á galaxia dos sentimentos seguindo a autores como Gardner, Goleman ou Bisquerra. Dese modo, logrou ofrecer con elegante concisión unha visión xeral dos últimos avances no campo da aprendizaxe emocional. Salientou a relatora que esa é unha tarefa que nunca debe ser considerada illada ou puntualmente, senón coma un proceso continuado que se desenvolve en paralelo á propia existencia.

As diversas facetas da intelixencia, a necesidade de momentos de reflexión ou os camiños cara unha actitude positiva foron outros fitos destacábeis da charla.



Tras a exposición e algúns valiosos consellos bibliográficos, xerouse un debate vibrante no que se intercambiaron puntos de vista, especialmente relacionados coas estratexias máis adecuadas para cativos e adolescentes. A dinamizadora propuxo diversas medidas e técnicas extraídas da súa práctica docente.




Ante ese océano tan inmenso, Rosa ofreceu unha excelente clase de natación; agora é tempo de saltar á auga e prácticar de forma autónoma. ¿Mollámonos? 


















 

lunes, 23 de enero de 2017

Falando de... aprendizaxe emocional


Acción, reacción. Ante os estímulos, respondemos; o noso ánimo cambia, mais, ¿é todo tan incontrolábel?

Entender as nosas emocións, xestionar os nosos desexos, canalizar as esperanzas antóllanse tarefas vitais nun tempo no que a intelixencia, antano considerada estática e monolítica, é entendida de xeito global segundo un modelo múltiple e dinámico.

Rosa Encinas introduciranos nesas procelosas augas nunha xuntanza na que se ha debater, desde a práctica, sobre a intelixencia emocional, o seu sentido e a súa aplicación. A cita, o día 3 de febreiro na Casa da Cultura de Redondela, 20:30h.

¡O intelixente sería asistir!


Os alicerdes da identidade Europea